- A xornada, enmarcada na Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, reúne o venres 3 de decembro a expertos en patrimonio, urbanismo e historia
Domingo, 28 de novembro de 2021
O Concello de Lalín celebrará o venres 3 de decembro unha Xornada Informativa na que dará a coñecer á veciñanza as actuacións de acondicionamento e rehabilitación de Lalín de Arriba realizadas no marco da Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21. A xornada terá lugar ás 17:00 horas no interior da Igrexa de San Martiño, en Lalín de Arriba.
Nesta xornada, de acceso libre e gratuíto, expertos en patrimonio, urbanismo e historia exporán aos asistentes as liñas básicas duns traballos que poñen en valor Lalín de Arriba, unha contorna de alto interese histórico e patrimonial que, ademais de ser a orixe de Lalín, exerce como porta de entrada á vila do denominado 'Camiño de Inverno'.
Elena Taboada, a arqueóloga encargada dos traballos de restauración, será unha das participantes na xornada. Contará como estas obras puxeron de manifesto a antigüidade e a relevancia histórica da zona de Lalín de Arriba e tamén as novidades vencelladas á análise que se está a levar a cabo dos restos da necrópole medieval atopada na zona, ata o de agora descoñecida.
Pola súa parte, o arquitecto Luis Fernández relatará cales foron as claves dunhas obras que debían atender as necesidades prácticas e contemporáneas e ao mesmo tempo conservar o patrimonio da zona. As aportacións dos veciños foron fundamentais para conseguir rehabilitar a contorna mantendo a súa idiosincrasia propia pero acondicionada agora para acoller aos peregrinos que chegan polo Camiño de Inverno.
Do Camiño de Inverno, que ten recoñecemento oficial dende o ano 2016, falará o cronista de Lalín, Daniel González Alén, quen contará como foi o proceso de deseñar un trazado do camiño que arrinca na ponte do Pedroso, pasa pola vila de Lalín e empata coa Vía da Prata no albergue de A Laxe. Un camiño de Inverno que está chamado a ser un grande dinamizador do turismo e a economía na vila.
Esta xornada completa a campaña informativa que o Concello está a levar a cabo nas últimas semanas para resaltar a importancia e as melloras que supoñen para os veciños unhas obras que rehabilitan un entorno ata o de agora deteriorado e sen aproveitamento. Estes traballos protexen o patrimonio cultural e natural da vila e melloran a súa identidade patrimonial ao mesmo tempo que incrementan o seu coñecemento por parte dos visitantes e dos propios lalinenses.
ESTRATEXIA EDUSI
A 'Rehabilitación da área urbana de interese cultural de Lalín de Arriba', enmarcada na Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, supón un investimento duns 270.000 euros e está cofinanciada nun 80% con fondos FEDER mediante o POCS (Plan Operativo de Crecemento Sostible) 2014-2020, actualmente integrado no POPE 2014-2020.
Consiste na recuperación dos elementos singulares da contorna e a humanización do barrio de Lalín de Arriba mediante a recuperación da antiga calzada de pedra que discorría dende ese lugar en dirección ao centro urbano, xunto coa rehabilitación e posta en valor do conxunto arquitectónico.