- O estadio Manuel Anxo Cortizo conta xa cunha iluminación renovada que dá maior visibilidade para os usuarios e reduce a factura enerxética.
- Están previstas melloras tamén na iluminación e no illamento do Lalín Arena.
- As medidas teñen beneficios medioambientais, económicos e supoñen tamén melloras no día a día para os usuarios, como unha maior visibilidade.
Domingo, 25 de setembro de 2022
O Concello de Lalín, no marco da Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, está a traballar en diferentes actuacións encamiñadas a mellorar a eficiencia enerxética das instalacións deportivas municipais, de tal xeito que se reduza o consumo de enerxía e se acade un maior aforro enerxético, especialmente necesario a día de hoxe. Con este obxectivo, xa se renovou a iluminación do estadio Manuel Anxo Cortizo e tamén están previstas melloras na iluminación e no illamento do Lalín Arena.
O concello de Lalín conta con diferentes instalacións deportivas urbanas que provocan elevados consumos debido aos seus amplos horarios de funcionamento e á intensidade do seu uso. Son instalacións utilizadas diariamente por unha media de 2.150 persoas, dende as 07:45 ata as 22:45 horas. No actual contexto de crise enerxética e subida de prezos, o Concello prioriza reducir o consumo enerxético municipal e opta por un sistema enerxético público sostible, con beneficios tanto económicos como medioambientais, mediante a adaptación tecnolóxica.
Con estes traballos, acádase unha mellora do consumo enerxético nas instalacións deportivas municipais baseada en tres actuacións principais: a mellora do illamento e das envolventes térmicas dos edificios deportivos, a redución do consumo de enerxía eléctrica e a optimización de ambos os dous tipos de consumo mediante a instalación de elementos intelixentes de control de consumo.
Algunhas destas instalacións deportivas xa contaban con sistemas renovados de calefacción e auga quente sanitaria, como caldeiras eficientes ou biomasa. E tamén con sistemas de acendido/apagado intelixentes e lámpadas de baixo consumo, pero facíase necesaria unha renovación máis profunda para consolidar unha maior eficiencia enerxética.
Así o destaca o concelleiro de Deportes do concello de Lalín, Avelino Souto, que incide en que "as principais necesidades que atopamos na maioría das instalacións son unha mellora na iluminación, debido a que eran unhas instalacións antigas con alto consumo enerxético".
Doutra banda, a envolvente térmica dalgunhas das edificacións pechadas e os seus sistemas de illamento e control de caudal presentan deficiencias derivadas do paso do tempo, polo que hai suficiente marxe de mellora para corrixilas mediante a adopción das últimas técnicas e tecnoloxías existentes actualmente no mercado.
Avelino Souto salienta que "outra das necesidades é o illamento nalgunha das instalaciós, xa que as actuais fan que perdamos moita temperatura, con todo o que conleva iso".
Deste xeito, nos centros pechados, as actuacións levadas a cabo no marco da estratexia Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21 van dirixidas a melloras na envolvente térmica/illamento e a completar a renovación dos sistemas de iluminación para contar plenamente con elementos de control intelixente e consumo enerxético de Clase A.
Por outro lado, nas instalacións abertas procederase á mellora e renovación da iluminación, dotándoa dun sistema de telexestión.
Polo momento, a actuación céntrase en dúas das principais instalacións deportivas municipais do concello de Lalín: no estadio Manuel Anxo Cortizo e no Lalín Arena.
A MELLORA DA ILUMINACIÓN, XA REMATADA NO MANUEL ANXO CORTIZO
O estadio Manuel Anxo Cortizo é a primeira instalación deportiva de Lalín na que se puxeron en marcha estas actuacións encamiñadas ao aforro de enerxía.
Neste caso, as melloras centráronse na lumiraria, cambiando todos os focos antigos grandes que iluminan os campos por outros de tipo led, segundo nos indica o concelleiro de Deportes, Avelino Souto.
Estes traballos leváronse a cabo durante varios meses, logo de facer estudos previos para saber máis sobre as necesidades e as posibilidades existentes e que tamén servirán de referencia paras as actuacións consideradas noutras instalacións deportivas municipais.
Grazas a estas melloras conseguiuse un importante aforro mensual nas facturas e unha mellora significativa na visibilidade existente nun estadio no que practican fútbol uns 200 rapaces de Lalín e que tamén alberga competicións de atletismo, rugbi ou fútbol gaélico, co cal é unha contorna cotidiana de práctica deportiva, agora optimizada, para arredor duns 600 deportistas.
LUCES TIPO LED E REFORZO DO ILLAMENTO, AS MELLORAS PREVISTAS PARA O LALÍN ARENA
Pola súa banda, no Lalín Arena está prevista a substitución da luminaria das pistas para que sexa led na súa totalidade, o cal redundará nunha maior visibilidade e comodidade para os usuarios, e tamén se realizará un axustado da envolvente e modificación da carpintería da fachada da piscina para optimizar o seu illamento.
Estes traballos suporán unha mellora significativa en canto á eficiencia enerxética, que se traducirá nun aforro económico considerable, tanto de luz como no gasto das caldeiras.
Ademais de arranxar deficencias e contribuír á mellora medioambiental, é un "aforro de moitos cartos tanto de carácter público, como das arcas do Concello, que son cartos de todos os veciños, e serve para poder invertir noutras cousas e darlle outros servizos a maiores aos nosos veciños e veciñas", destaca Avelino Souto.
ESTRATEXIA EDUSI
A Mellora da Eficiencia Enerxética nas instalacións deportivas urbanas municipais está enmarcada na LA07 da EDUSI 'LALIN SSUMA21'.
Esta operación alíñase co Obxectivo Específico (OE) 4.5.3 dirixido á "Mellora da eficiencia enerxética e aumento de enerxía renovable nas áreas urbanas". A operación contribuirá á mellora da eficiencia enerxética mediante a mellora dos sistemas de iluminación e dos elementos infraestruturais dos edificios (envolvente térmica, cubertas) que minimicen perdas enerxéticas. Ademais, a instalación de sistemas intelixentes de control de consumos redundará, en último termo, na redución e optimización dos consumos enerxéticos en luz e calefacción en instalacións deportivas municipais.