Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

O CONCELLO DE LALÍN HABILITA PASARELAS VERDES NO RODO, EN XAXÁN E EN GOIÁS PARA MELLORAR A MOBILIDADE SOSTIBLE ENTRE O NÚCLEO URBANO E A SÚA CONTORNA

  • O obxectivo é reducir as barreiras físicas que dificultan a mobilidade sostible entre o centro de Lalín e os seus núcleos periurbanos.

 

  • Estes traballos supoñen tamén melloras na paisaxe e amplían os usos lúdicos e recreativos da zona.

 

 

Domingo, 8 de maio de 2022

O concello de Lalín, no marco da Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, habilitou tres sendas verdes peonís, denominadas 'pasarelas verdes de continuidade', co obxectivo de reducir as barreiras físicas artificiais que dificultan a mobilidade sostible entre o centro de Lalín e os seus núcleos periurbanos. Estas actuacións, orientadas a diminuír o tránsito peonil nas estradas e mellorar a súa seguridade, leváronse a cabo na carballeira do Rodo e nos núcleos de Xaxán e de Goiás.

 

Dende o Concello entenden que apoiarse na conservación do medio ambiente é unha forma de revitalizar a vila de Lalín para mellorar a calidade de vida do conxunto dos veciños e mellorar a mobilidade entre os diferentes espazos administrativos, comerciais ou lúdicos.

 

As pasarelas verdes permiten unha continuidade multimodal e están baseadas en criterios medioambientais sostibles, de tal xeito que o seu deseño contempla elementos de garantía na seguridade viaria, carrís bici e corredores de acompañamento vexetal autosustentables.

 

 

VANTAXES E MELLORAS DOS USOS PARA OS VECIÑOS

Estas plataformas peonís supoñen un mecanismo integrador do Concello dende o punto de vista físico e social. Dunha banda, permiten dispoñer de tres roteiros peonís seguros que conectan zonas rurais co núcleo urbano, reducindo os problemas de fragmentación física do termo municipal de Lalín. Tamén incrementan os usos sostibles de vías convencionais e reducen o deterioro ambiental de núcleos rurais tradicionais potenciando o seu uso no día a día para usos prácticos e mesmo lúdicos.

 

Por outro lado, mellórase a paisaxe, situando o coidado e a relevancia do medio ambiente natural como columna vertebral das políticas de desenvolvemento urbano. De feito, unha das principais melloras que se conseguen coa habilitación destes roteiros é incrementar o seu uso recreativo, xa que discorren a través de lugares e paisaxes únicos.

 

Ademais, os camiños son tamén accesibles para persoas con mobilidade reducida, respondendo así ao compromiso co benestar dos cidadáns con discapacidade e aos obxectivos de integración social.

 

 

PASARELAS NA CARBALLEIRA DO RODO, EN XAXÁN E EN GOIÁS

Ata o de agora leváronse a cabo actuacións en tres espazos diferentes e cada un deles conta coas súas propias características.

 

Na Carballeira do Rodo, antes un souto municipal, habilitouse un camiño peonil para os usuarios da veciña rúa García Sánchez, atravesando a propia carballeira. O camiño continúa en sentido único pola entrada de García Sánchez, unha vez superada a Rolda Leste. Nesta pasarela, que ten unha lonxitude de 300 metros, acondicionouse tamén o pavimento e instaláronse luminarias.

 

A pasarela máis longa das executadas é a que conecta o núcleo rural de Xaxán co centro urbano de Lalín, cunha lonxitude duns 500 metros.

 

Este novo camiño peonil habilitado discorre paralelo á estrada EP-6009 (dende Brántega) conectando a coñecida rotonda do Rodo con Xaxán e Delaparte. Polas súas características, neste carreiro prestouse especial atención ás melloras relacionadas coa iluminación e a seguridade na circulación de peóns e bicicletas. Deste xeito, executouse un paso de peóns sobreelevado, colocáronse sinais informativas e pintouse o pavimento asfáltico, ademais da instalación dunha mouteira de granito e da rede de pluviais e sumidoiros.

 

Por último, o núcleo de Goiás quedou unido ao centro urbano de Lalín mediante un carreiro que afecta parcialmente á N640. Neste caso, a prioridade eran tanto a seguridade coma a mellora da vexetación na zona, que se fixo mediante a plantación de magnolios. O novo pavimento ‘aripaq’ terrizo impermeabilizado e estabilizado, con ligante, acondiciona un espazo duns 400 metros que antes ocupaba a cuneta e en parte un parque público municipal.

 

ESTRATEXIA EDUSI

A creación das Sendas Peonís do Rodo, de Xaxán e de Goiás, enmarcada na Estratexia EDUSI Lalín Ssuma21, contribúe de forma efectiva á mellora da mobilidade sostible entre o centro de Lalín e zonas periurbanas.

 

A inversión total nesta liña de actuación é de 308.242,79 euros, dos cales 246.594,23 euros proveñen dos fondos FEDER mediante o POCS (Plan Operativo de Crecemento Sostible) 2014-2020 e o 20% restante, 61.648,56 euros, é aportado polo Concello de Lalín.

TAGS